O vindeiro luns, 17 de Decembro, ás 10:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela, alumn@s e profesores da Escola Municipal de Música ofrecerán un concerto para os centros de primaria e secundaria da localidade. O motivo desta iniciativa é achegar a música e os instrumentos aos alumnos destes centros.
O director da Escola Municipal de Música de Burela, Xan Carballal, explica que “as agrupacións participantes son as que están a desenvolver un traballo continuo dentro da Escola e ao longo do curso e por medio delas coñeceremos os instrumentos que forman parte dunha orquestra de corda como son: violíns, violas, violonchelos e contrabaixos. Os instrumentos dunha banda: toda a familia de vento madeira, vento metal e instrumentos de percusión”.
E engadiu que “as obras que se interpretarán serán, sobre todo, temas populares e propios do Nadal, algúns deles arranxados polo profesorado do centro”.