Alfoz celebrará o Día Mundial do Teatro con Bátega e “O mundo da Martiña”. Será o 27 de marzo ás oito da tarde no salón de actos de Cultura.
Martiña é unha nena moi curiosa. Non entende porque as súas opinións son menos importantes que as dos adultos, nin por que ten que calar e obedecer sen razón aparente, non entende por que os nenos visten ou xogan de xeito diferente ás nenas, non sabe cales son os pensamentos impuros, nin tan sequera que é o pecado exactamente. Co tempo, descubrirá que se trataba de ir mudando en muller. A perspectiva dunha nena pode ser a máis atinada e, sen dúbida, sincera. A través dun monólogo musicado e entreverado de cancións, veremos como se enfronta Martiña á incontrolable paixón adolescente, ao duro mundo laboral e como o seu espírito crítico e as súas dúbidas respecto do establecido, nunca a abandonarán.
“O mundo de Martiña” é un espectáculo para o público adulto de 1 hora de duración.