Os días 19 e 20 de xullo Alfoz celebrará a XXIV edición do seu Mercado Medieval, transportando aos asistentes ao ano 1483 con todo tipo de actividades.
A noite do 19 de xullo ou noite da véspera dará comezo ás 21:00 co acendido do lume de Cerna da Historia, anunciando a chegada do Mariscal. Ás 22:15 haberá danzas medievais, seguidas por confesións co bispo Don Fadrique de Guzmán. Á media noite, unha queimada e conxuro transportarán aos presentes ao medievo, culminando a noite coa música de Tumba e Dalle.
O sábado 20 de xullo comezará ás 11:00 cunha visita guiada para coñecer Alfoz a cargo de Ana Pena. Despois, ás 11:45 horas a xornalista de Televisión Española Ana Lorenzo dará o pregón, seguido da inscrición do seu nome na Lousa das Palabras. Durante a xornada haberá nomeamentos, teatro de títeres, exhibicións de aves de cetrería, xogos tradicionais, danzas medievais, malabaristas e unha gran cea medieval ás 21:30 horas. A noite rematará coa escenificación “O regreso do Mariscal”, un espectáculo de lume e un concerto de Tanto nos Ten.
Ao longo do día, haberá demostracións de oficios tradicionais e actividades para os máis pequenos no Prado dos Soños. Os tÍckets para a cea medieval estarán dispoñibles na Torre Fortaleza por 15 euros.
Para máis información e reservas para a visita guiada, contactar ao 654 996 857.
Desde o Concello subliñan que “o Mercado Medieval de Alfoz espéravos a todos e todas para vivir unha experiencia única no corazón do medievo”.