En Alfoz celebraranse actividades do programa denominado Cultura Pequeniña, dirixido a nen@s de 3 a 12 anos, os sábados 23 e 30 de setembro.
A organización explica que serán dous días “dedicados aos nenos e nenas con obradoiros na Biblioteca e unha proposta cultural de teatro, contacontos, monicreques ou maxia. Para nen@s de 3 a 12 anos, con inscrición previa na biblioteca, onde estarán dispoñibles a solicitudes a partir do 13 de setembro. O tema será o coidado do medio ambiente. O sábado 23 de setembro de 17:00 a 19:00 horas quedamos na Biblioteca para facer arte con materiais reciclados e da natureza no obradoiro ReciclARTE. E ás 19:00 horas no Salón de Actos teremos a representación O galo Quirico e os seus amigos, de Seisdedos, incluída no programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia, para público infantil e familiar”.
Ademais engade que “o sábado 30 de setembro de 17:00 a 19:00 horas na Biblioteca teremos o obradoiro Pinga a Pinga, para coñecer máis sobre a auga e o seu coidado a través de vídeos, manualidades e dinámicas de grupo. E ás 19:00 horas no Salón de Actos disfrutaremos con Raquel Queizás, coa Soñadora das árbores, un espectáculo de narración oral baseado nunha historia real e en lendas de diferentes culturas que exploran a relación entre as persoas e a natureza”.