Acisa Ribadeo contará con credenciais para os peregrinos que realicen o Camiño do Mar e con selo propio para a compostelana.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo contará con credenciais para os peregrinos que realicen o Camiño do Mar e con selo propio para a credencial. Esta é a primeira das accións que a entidade pon en marcha tras a presentación da súa marca para potenciar o camiño. 

O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, anunciou que dende hoxe, venres, a oficina do colectivo empresarial ribadense “será punto de entrega de credenciais aos peregrinos que queiran facer o Camiño do Mar. Se o Camiño do Mar sae de Ribadeo, Ribadeo ten que ter un punto onde dar as credenciais para facelo; e dende hoxe ese novo punto somos nós. Ademais farémoslle entrega a unha parte dos nosos asociados dun selo exclusivo de ACISA Ribadeo para que poidan selar a credencial de quen saia de Ribadeo para facer esta ruta xacobea ou de quen pase facendo a do Camiño Norte”.

Iriarte engade: “quero agradecer á asociación Amigos do Camiño do Mar e ao seu presidente, Manuel Vicente, por chegar a este acordo, grazas ao cal dende hoxe ACISA pode entregar estas credenciais, e polo contacto fluído e constante que estamos a ter para promocionar e poñer en marcha a realidade que xa é o Camiño do Mar. Isto ten unha importancia dobre para a nosa vila xa que Ribadeo é punto de orixe deste camiño, e iso na economía local reflíctese aínda máis, xa que os peregrinos veñen preparar a súa ruta aquí, están uns días e moitos volven de regreso á nosa vila ao finalizar o camiño”.
O xerente de asociación empresarial ribadense, Jesús Pérez, explicou que “quen queira poderá facerse coa súa credencial nas oficinas de ACISA Ribadeo, inicialmente de luns a venres de 09:30 a 14:30 horas ou poñéndose en contacto con nós no teléfono 663.39.62.26 ou a través do correo electrónico info@acisaribadeo.es. O custo da mesma é o establecido na propia expedida pola oficina de acollida ao peregrino, por valor de 2 euros”. E engade que “inicialmente os selos vanse entregar a preto de 20 establecementos, que serán os membros de ACISA Ribadeo que forman parte da rede de establecementos amigables co peregrino do Concello de Ribadeo. Coa vista posta no próximo ano esperamos poder entregarlle un selo á totalidade dos nosos asociados, para que deste xeito en calquera negocio poidan selar con este distintivo único. Ademais estamos xa a traballar nun formato dixital a través do selo por código QR, algo que agardamos que sexa realidade antes de finalizar o ano. Tamén esperamos que para o 2022 se poida aumentar o horario para a entrega de credenciais, o que será posible se contamos co o apoio dalgunha administración para contratar máis persoal”.

Jesús Pérez destacou que “o Camiño de Santiago é unha ferramenta moi potente para desestacionalizar o turismo, implicándonos ao máximo estamos seguros que podemos notar a presenza de peregrinos case na totalidade do ano”.

E o presidente de ACISA rematou comentando: “tamén estamos tendo conversas para traballar xunto co Concello de Ribadeo neste sentido, co fin de poñer todos os recursos posibles, iniciativas, actividades e proxectos enriba da mesa e poder sacarlle o máximo potencial a este Xacobeo”.