AciaFozCCA sorteará 500 euros en vales de compra na campaña da Volta ao Cole

AciaFozCCA sorteará 500 euros en vales de compra na campaña da Volta ao Cole, que desenvolverá do 29 de agosto ao 15 de setembro. 

O presidente da asociación focense, José Carlos Paleo, explica que “aquelas persoas que realicen as súas compras no CCA de Foz por un importe superior aos dez euros participarán no sorteo de 500 euros en vales de compra. Serán 10 premios de 50 euros cada un”. O sorteo terá lugar en Radio Foz o 16 de setembro. 

Paleo indica que “deste xeito queremos premiar á fiel clientela do comercio de Foz, que para a volta ao cole volve confiar nos negocios locais, nos que ten a carón da súa casa. Nas librarías, nas tendas de deportes, nas de moda, nas de calzado… atoparán todo o que precisan para a chegada do outono e para o inicio do novo curso escolar. Mercando en Foz seguimos facendo pobo e si ademais levamos un premio de 50 euros para a casa, moito mellor. Toda axuda para a volta ao cole será ben recibida”.

Na presentación da campaña da Volta ao Cole participaron o alcalde de Foz, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Navarro, e o presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo. 

AciaFozCCA conta para esta campaña coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.