A Asociación Cultural e Deportiva As Minas de A Pontenova plantea unha colaboración cos negocios e comercios locais para paliar, na medida do posible, a crise económica orixinada polo COVID-19. Esta colaboración terá lugar durante o próximo XIV Festival das Minas, que se celebrará o 12 de decembro se as condicións e as autoridades o permiten.
Grazas a esta colaboración, o ACD As Minas doará de forma gratuíta aos locais de hostalería do Concello que o soliciten, a xestión da cea e o bar do día do festival. Ademais, colaborará co resto de comercios poñendo a súa disposición camisetas, cuxo gasto corre a cargo da asociación, e Lotería de Nadal. Os beneficios das ventas destes artigos serán integramente para os propios negocios colaboradores.
Desta forma, a Asociación Cultural e Deportiva As Minas quere investir as axudas públicas do festival, que remarcan que “son de todos”, no comercio local da vila. Desde a asociación tamén destacan que están dispostos a escoitar e colaborar con calquera tipo de iniciativa co obxectivo de que o fin de semana do Festival das Minas xere un beneficio nos negocios da contorna.
As camisetas poden mercarse en Librería Eugenia, Mercería O Vispo, Oryl, Daponte, Clínica Son Saude, A tenda de Manolo, Bar Puente, Dekor-EO, Librería Azu e Teresa Roupa para todos.
As persoas interesadas tamén poden facerte coa Lotería de Nadal en Librería Eugenia, Bar Puente, Cafetería Casa da Cultura, Restaurante San Briz, Clínica Son Saude ou solicitándoa a calquera membro da asociación.