Abriu a cafetería do centro social de Foz. As instalacións están adaptadas a persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida

A cafetería do centro social de Foz, que foi adxudicada polo pleno da corporación municipal o 27 de xuño a Manuel Mostazo Moldes, abriu hoxe, sábado. Neste primeiro día de actividade recibiu a visita do alcalde, Fran Cajoto, e dos concelleiros Inés López, Ana Rojo, Ángel Fernández e Elena Martínez.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, lembrou os investimentos feitos para poder levar a cabo esta apertura: “a cafetería levaba varios anos pechada cando entramos a gobernar. No ano 2021 ampliamos por 54.500 euros  a aula de seguridade viaria do peirao de Foz; deste xeito creamos unhas instalacións axeitadas para a Asociación de Discapacitados Virxe do Carme, independentes e con espazo ao aire libre, e liberamos a cafetería para a súa reforma. Unhas obras adxudicadas tamén no ano 2021 por 43.200 euros, que se completaron con 35.200 euros para a reforma completa das instalacións eléctricas e doutros servizos que se independizaron e algo máis de 15.000 euros para mobiliario. Investimos 93.500 euros na reforma dun local que agora está climatizado, ten aseos adaptados a discapacitados e unha terraza de 54 metros cadrados que se abre ao porto de Foz e a toda a ría, co obxecto claro de recuperar para os maiores de Foz un espazo de encontro que poidan volver a considerar seu”. 

A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, destacou a funcionalidade do novo bar Náutico: “son unhas instalacións totalmente adaptadas a persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida, con rampla e baños totalmente adaptados. A decoración evoca o Foz máis mariñeiro, con fotos antigas nas que se pode apreciar o vello peirao e o antigo pósito de pescadores. Os ventanais proporcionan unha das mellores vistas de Foz, un entorno inmellorable para que os maiores ademais de tomar un aperitivo poidan xuntarse, ler o xornal do día e desfrutar dunha boa conversa”.

 “A comodidade da cafetería reformada, o entorno mariñeiro, as vistas, fan deste espazo recuperado un luxo que queremos ofrecer aos maiores de Foz. Pedimos desculpas pola espera, pero creo que pagou a pena”, rematou o alcalde.