Aberto o prazo de inscrición nos campamentos e campos de voluntariado de verán, entre os que se atopan Area e A Devesa. Na provincia de Lugo a Xunta oferta 1.500 prazas.

A Consellería de Política Social abriu o prazo de inscrición nos campamentos e campos de voluntariado programados para este verán, que en Lugo contan con 1.479 prazas en 15 instalacións repartidas por distintas zonas da provincia.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que esta campaña  desenvolverase entre os meses de xullo e setembro baixo o lema O Verán que mereces. A oferta completa de actividades no conxunto de Galicia -e tamén en intercambio con outras Comunidades- suma 7.820 prazas e pode consultarse na páxina web xuventude.xunta.es, no epígrafe Acción de verán.

No caso dos campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos, a solicitude de participación pode facerse desde hoxe ata o vindeiro venres 28 de maio, preferiblemente por vía telemática na sede electrónica da Xunta. Na provincia ofértanse 1.383 prazas en instalacións de sete concellos.

Polo que respecta aos campos de voluntariado, en Lugo desenvolveranse oito que suman 96 prazas. A mocidade de entre 18 e 30 anos que queira participar pode solicitalo ata cinco días antes do comezo de cada campo mediante un formulario en liña dispoñible tamén na web de Xuventude.

Campamentos
Os campamentos de verán da provincia de Lugo poranse en marcha nos concellos de Viveiro, Ribadeo, Portomarín, Palas de Rei, Carballedo, Quiroga e Lugo. En total hai previstas 31 quendas diferentes.

Así, o albergue xuvenil de Area (Viveiro) desenvolverá actividades sobre ambiente mariño e náutica; A Devesa (Ribadeo) contará con varias opcións de multiaventura e acampada a carón do mar; as instalacións de Benigno Quiroga (Portomarín), Os Chacotes (Palas de Rei) e Carballedo acollerán distintas propostas de aventura; o albergue de Quiroga convidará a Explorar O Courel e o Lug 2 (Lugo) oferta dous programas: O Musical e AYCH Tecnolóxico.

Campos de voluntariado
Polo que respecta aos campos de voluntariado da provincia, están previstos tres na modalidade medioambiental e cultural: Da auga e da pedra (Guitiriz), Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón) e Xuventude é Camiño (Triacastela);  tres sobre patrimonio: Xuventude é Camiño (Palas de Rei), Abadía de San Clodio (Ribas de Sil) e Castro de Vilar (Folgos do Courel) e dous campos de arqueoloxía: Castro de Penadominga (Quiroga) e Castro de Viladonga (Castro de Rei).

O Goberno galego manterá o protocolo específico fixado ano pasado para garantir a seguridade nas actividades de verán, que en 2020 non rexistraron ningún contaxio por coronavirus. Así, continuarase a implantar medidas a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.