Este mediodía presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do torneo de fútbol sala base “Memorial Rodrigo Maseda Lozano”, que reunirá na Mariña equipos de base de todo o Estado en memoria do policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros - José Antonio Villamor e Javier López-.
O torneo disputarase do 23 ao 27 de xuño en Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove (Pavillón Municipal), Viveiro (Pavillón Municipal) e Foz (Torques de Marzán), unha sede compartida que procura extender pola comarca o espectáculo deportivo e o dinamismo social e económico deste tipo de citas, así como a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano.
A Fundación Indecum, que organiza o evento co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación, agarda uns 700 participantes de 67 equipos das categorías prebenxamín (mixta) benxamín (mixta),alevín (masculina e feminina), infantil (masculina e feminina), cadete (masculina e feminina) e xuvenil (masculina e feminina) de Galiza, Asturias, Cantabria, Castilla y Léon e Madrid.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro presentou o acto no que participaron Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano; Roberto Saa Ramos, inspector xefe da Policía Xudicial na Comisaria de Viveiro; Alfonso Mera Río, director do torneo e técnico deportivo da Fundación Indecum, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.
Maite Ferreiro destacou o traballo da Fundación Indecum organizando e dando continuidade “a un torneo que xa é un referente no calendario deportivo do verán e que mantén no tempo a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano e dos seus compañeiros”.
“O deporte de base é unha ferramenta para afianzar hábitos de vida saudables . Pero ademais, en eventos coma este, créanse espazos para a convivencia entre nenas e nenos de diferentes lugares. E supoñen tamén unha oportunidade para dar a coñecer o territorio”, destacou a vicepresidenta da Deputación de Lugo.
Á presenza dos equipos, súmase a de acompañantes e familiares, co que se estima que o torneo achegará a Mariña unhas 3.000 persoas. A organización do torneo, cun só partido por día para cada equipo, facilitará que tanto nenas e nenos como familiares aproveiten para coñecer a comarca.