
Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación prepara a cuarta edición do programa de actividades formativas en granxas e producións agroalimentarias do rural Da escola á granxa, que contará cun orzamento de 200.000 euros.
O deputado Daniel García informou da aprobación esta mañá, na Xunta de
Goberno, das bases do programa, que dobra o investimento con respecto a
pasada edición e que amplía un ano máis a súa oferta formativa, con 45
granxas involucradas, dez máis que na última edición, repartidas por toda
a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de
froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún,
avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.
Daniel García explicou que “seguimos reforzando este programa que ano a
ano conta cunha gran acollida por parte das Anpas e colexios pero tamén
das gandeirías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de
emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer
o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa
contorna”.
Nese sentido, o deputado destacou "a incorporación das novas granxas, a
maioría delas proxectos familiares, que teñen en común a aposta pola
diversificación produtiva e pola produción ecolóxica"
Solicitudes
A convocatoria publicarase o vindeiro xoves 20 de marzo no Boletín
Oficial da Provincia, abríndose daquela o prazo de solicitude para as
Anpas de centros escolares públicos de infantil e primaria.