O Concello de Foz anuncia que 41 establecementos de hostalería xa participan nas Xornadas Gastronómicas imPULSA FOZ, que comezaron hoxe, venres, co arroz como produto destacado e que contan coa colaboración da ACIA. E este domingo haberá música nas rúas a cargo da charanga Brassica Rapa.
O alcalde, Fran Cajoto, lembra que “estas xornadas gastronómicas enmárcanse dentro do plan de impulso á hostalería e comercio locais promovido polo Concello e consensuado con profesionais da hostalería e coa ACIA local, dentro do cal se implementaron xa medidas como a derrogación da taxa das terrazas, aprobada en pleno”.
O concelleiro Chema Linares valora moi positivamente a alta participación do sector nas xornadas gastronómicas, o que indica que o programa deseñado polo Concello está a ter moi boa acollida. “Lonxe de polémicas, o que nos move é traballar por e para o pobo: estamos abertos sempre a mellorar e desexamos que estas xornadas sexan un rotundo éxito”, di Linares.
Fran Cajoto engade que “a rectificación da Xunta de Galicia, permitindo aforos interiores do 50% e 75% en terrazas, así como unha prolongación dos horarios de peche ata as 21 horas, recolle parte das demandas do sector, que necesita traballar para sobrevivir. Agardamos tamén que as novas condicións permitan a reapertura de locais, que tiveron que botar o peche porque as limitacións lles resultaban insostibles”.
Ademais da achega de 20.000 euros para o financiamento das xornadas gastronómicas que aporta o Concello de Foz, vanse entregar 2.000 euros en premios co sorteo semanal de dez vales de 50 euros para consumir no noso concello. O sorteo dos primeiros dez vales destas novas xornadas será o vindeiro mércores, día 24 de marzo, destaca Chema Linares. “Calquera pode ser o afortunado: só hai que consumir, iso si, cumprindo todas as medidas sanitarias, en calquera dos 41 establecementos adheridos”.
Música nas rúas o domingo
Ademais, formando parte do programa Cultura na Rúa 2.0 e no marco das actividades que se programan para estes meses, o Concello de Foz contará coa charanga Brassica Rapa este domingo, día 21. “Desde as 12:30 horas por diversas rúas e bares da vila, as rapazas da banda Brassica Rapa acompañarán con boa música á poboación que decida acudir ao casco urbano focego a gozar do día. Desta maneira amenizarán musicalmente as xornadas gastronómicas que se desenvolven esta fin de semana”, comentou a concelleira de Cultura, Inés López Couto.