A 40 Festa da Troita da Pontenova, que se celebrará os días 30 de abril e 1 de maio, estreará un mercado na praza do Concello. O pregoeiro será Martín Barreiro.

O Presidente e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, xunto ao Tenente de Alcalde do Concello, Francisco Martínez Bermúdez, e o Presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Francisco Javier Rois Freijo, presentou este mércores a XL Festa da Troita da Pontenova, que terá lugar os días 30 de abril e 1 de maio no municipio mariñán. O Goberno da Deputación, xunto co Concello, promoven a organización deste evento cun investimento de 9.000 euros, sendo as únicas administracións que apoian esta cita.
 
Campos Conde subliñou que“a Festa da Troita cumpre 40 edicións totalmente consolidada no calendario festivo galego como unha das citas que atraen a un maior número de visitantes entre pescadores chegados de diferentes puntos de España como Palencia, Burgos, ou Asturias que acodena competir coas súas familias; e veciños da provincia de Lugo e da comunidade galega que veñen a degustar as troitas nas casetas da festa. Trátase, polo tanto, dun evento con gran relevancia non só para a economía do Concello, senón tamén do conxunto da Comarca, pois durante dous días recibiremos a visita de milleiros de persoas que se hospedarán e xerarán riqueza entre os nosos establecementos de ocio e restauración”.
 
O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova avanzou que “este ano, como novidade, inauguramos o I Mercado Festa da Troita que contará con máis de 10 postos de artesanía e de comida típica e tradicional e que estará situado na Praza do Concello, como un atractivo máis da cita. Estamos seguros de que tanto os artesáns como as persoas que participen nesta nova edición da Festa da Troita quedarán con ganas de repetir en vindeiras ocasións”.
 
O evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego e Interese Turístico Deportivo Nacional, reunirá a 120 pescadores e milleiros de visitantes que poderán gozar dunha ampla programación, coa degustación de troitas nas casetas, acompañadas con pan e viño, a un prezo de 5 euros;os concursos de pesca nas modalidades de lance, salmón e mosca; así como diferentes actuacións musicais e a entrega das distintas Troitas de Ouro, que recoñecen en cada edición aos persoeiros máis destacados do mundo da pesca.Nesta edición os premiados son os seguintes: o programa “Caza e Pesca” de MovistarPlus; o artesán de moscas Vicente Longo; o escritor Guy Roques;o campión de España de lance por equipos Raúl Ibo Salazar; o campión de España Xuvenil de pesca morta Alí Pérez Trebolle.
 
Programación
Luns, 30 de abril
- 13:30 horas: Inauguración do I Mercado Festa da Troita.
- 14:00 horas: Sesión vermú a cargo da orquestra Ritmo Joven.
- 20:00 horas: Entrega pública das distintas Troitas de Ouro:
- Programa Caza e Pesca de Movistar Plus.
- Vicente Longo,artesán de Moscas Asturiano.
-Guy Roques, escritor e pescador.
- Raúl Ibo Salazar, campión de España de lance por equipos.
- Alí Pérez Trebolle, campión de España Xuvenil de pesca a mosca.
- Entrega 1º Premio Literario de Relato Corto Honor de Miranda.
- 21:00 horas: Pregón a cargo de Martín Barreiro (Meteorólogo TVE).
- Verbena a cargo das orquestras Olympus e Ritmo Joven.
 
Martes, 1 de maio:
- 9:00 horas: Comezo dos concursos de pesca (lance, salmón e mosca).
- 11:00 a 20:00 horas: I Mercado Festa da Troita
- 12:30 horas: Actuación do Grupo Rexional A Chocolateira da Pontenova.
- 13:30 horas: Remate dos concursos, pesaxe e clasificación.
- Sesión vermú coa orquestra Suavecito.
- 18:00 horas: Entrega trofeos no Salón de Actos da Casa da Cultura.
- Verbena a cargo da orquestra Suavecito.