O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá este sábado, 4 de maio, ás 20:30 horas, a representación da obra Castrapo a cargo de Os Naufragos Teatro.
Conta a historia de Daniel, un escritor galego emigrado a Madrid que volve á terra logo da morte do seu pai con quen non mantiña unha relación fluída. No camiño encóntrase con Rosa, que colle o mesmo tren con destino A Coruña. Nesta viaxe a Galicia, Daniel atópase co seu pasado e coa necesidade da procura das súas raíces.
O elenco está formado por Denís Gómez, Victoria Teijeiro e Gustavo del Río.
Tamén no Teatro Pastor Díaz o domingo, 5 de maio, ás 19:30 horas, Andanzas Viveiro porá en escena Sainetes e poesía escénica.
O teatro e a poesía van da man nesta ocasión, poñendo en escena tres sainetes cómicos e un recital de poesía dramatizada con obras de moi distintos poetas, onde tamén está representada a poesía galega. O poeta nado en Ferro JJ.M. Ferreiro lerá algúns dos seus propios poemas.