Xove acollerá unha xornada sobre o seu patrimonio subacuático. Será o 17 de abril no salón de actos do Centro Cívico.

"Naufraxios:Patrimonio sumerxido na costa de Xove" é o título da interesantísima xornada  que, dende Turismo, Investigación Social e Muller e baixo a coordinación de Lucía Sánchez,  organiza o Concello xovense para  o próximo mércores, 17 de abril, a partir das 17:30 da tarde no Salón de Actos do Centro Cívico. 

Xove conta cun Patrimonio Subacuático de enorme importancia, co pecio documentado máis antigo de Galicia, descuberto por casualidade no ano 2007, e afundido na nosa costa no ano 1544. Por este motivo, dende o Dep. de Investigación Social do Concello de Xove, convidouse a prestixios@s profesionais da Arqueoloxía Náutica e Subacuática, da Conservación, e da Función Pública, para impartir os relatorios desta Xornada, con entrada libre e gratuíta para tod@s aqueles interesados na materia: 

RELATORIOS:
1. Honor: o pecio documentado máis antigo de Galicia, afundido en Lago no 1544.  Impartido por  David Fernandez Abella, arqueólogo-director da última prospección realizada ao pecio de Xove no ano 2018.

2. As pezas do pecio de Lago e a súa conservación. Impartido por Diana Blanco Patiño, experta en restauración e conservación de bienes, e encargada dos traballos nas pezas extraídas do pecio de Xove. 

3. Espolio: os perigos do patrimonio sumerxido. Impartido por Manuel Díaz Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.