Os días 9 e 16 de marzo terá lugar o VII Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro, que organiza o SEVA.

O Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) organiza un ano máis, e xa van sete, o Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro. Este ano será os días 9 e 16 de marzo.

O día 9 os actos serán no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz. Alí poderase ver a reposición do filme "A carta", rodado polo Grupo Teatral Raiolas de Alfoz o ano 2006, unha historia dun amor imposible na Galicia de hai 200 anos entre un crego e unha muller, protagonizado pola agora xornalista Ana Lorenzo e por outros membros de Raiolas.

O día 16 os actos serán na Casa da Cultura "Manuel Lourenzo" do Valadouro. Será o II Certame de Curtas de Alfoz e O Valadouro, onde 8 finalistas competirán por tres premios: Premio á Mellor Película (300 euros), Premio ó Mellor Filme do Val (150 euros) e Premio do Público (150 euros). Como Xurado teremos a tres figuras do cine galego:

- Iago Villarino, cervense, candidato a Mellor Director de Fotografía dos Premios de Cine Mestre Mateo neste ano 2019.

- Adrián Canoura, cineasta burelés recentemente premiado en Filmadrid polo seu filme "Caerán lóstregos do ceo".

- Camila Bossa, actriz galega nada en Bogotá, Colombia, que leva participado en multitude de series galegas e españolas (Mareas Vivas, Pratos Combinados, As leis de Celavella, Matalobos, Hospital Central, Serramoura...) e en diversas películas. Conseguiu por dúas veces o Premio Mestre Mateo á Mellor Actriz Secundaria, pola serie Matalobos, nos anos 2009 e 2011.