A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos ultima os detalles da súa VIII Gala, que terá lugar o 22 de febreiro no Parador de Turismo de Ribadeo ás 21:30 horas. No evento renderase homenaxe a Carmen Valdés, Ramona Reigosa, José Luis Botana e Ramón Leivas.
A VIII Gala será unha cita moi especial, xa que se conmemorará o 30 aniversario da creación de Acisa. Desde a directiva do colectivo empresarial subliñan que “as persoas homenaxeadas neste 2019 son unha mostra de traxectorias como comerciantes, hostaleiros e empresarios do sector servizos á fronte de negocios que forman parte da historia desta vila. E desde a asociación cremos que, tras unha vida cara ao público, detrás dun mostrador, abrindo os seus establecementos, vivindo bos e malos momentos, e tendo sido socios de Acisa, cremos que é unha moi boa ocasión facerlles este recoñecemento coincidindo coa súa xubilación”.
E engaden: “nos vindeiros días pecharemos todos os detalles deste evento, nos que haberá algunha que outra sorpresa”. As tarxetas para asistir á VIII Gala de Acisa están á venda nas oficinas da asociación, sitas na rúa Viejo Pancho, 13-baixo. O prezo é de 30 euros.