Ribadeo acollerá os días 29 e 30 de xuño de 2019 o campionato de España de seleccións autonómicas de rugby feminino. Este evento foi presentado hoxe no salón de plenos do Concello ribadense cun acto no que participaron o alcalde, Fernando Suárez; os concelleiros de Deportes e de Igualdade, David Rivas e Mariluz Álvarez; o presidente da Federación Galega de Rugby, Nacho Cociña; o seleccionador galego da autonómica feminina de rugby, Jos Portos; o adestrador do club Be One Ribadeo Rugby, Guillermo Fernández; e Ana Iglesias, xogadora do CRAT A Coruña e campioa de España.
O concelleiro de Deportes ribadense salientou que “no concello de Ribadeo non quixemos deixar pasar esta oportunidade histórica que se nos brindou para apoiar e promocionar o deporte feminino, neste caso o rugby, e aceptamos con moita ilusión ser sede dun Campionato de España de seleccións autonómicas. Tendo en conta que hai apenas 3 anos o rugby non existía en Ribadeo e hoxe temos un club consolidado facendo un gran traballo, quixemos dar un paso adiante e acoller este importante torneo. Máis se cabe porque Galicia é a actual campioa, tamén porque nese combinado estaba a xogadora ribadense Ana Iglesias, que seguro que volverá estar presente neste vindeiro ano, así como agardamos a presenza de Tania García, a outra xogadora ribadense do CRAT A Coruña”.
David Rivas engadiu: “é por isto que nos pareceu unha ocasión inmellorable para acoller e arroupar ás nosas xogadoras na súa casa, e agardamos que Ribadeo responda cunha boa afluencia de público que vai disfrutar da elite do rugby español feminino, nun campionato onde se van dar cita a maior parte de xogadoras da selección española, actual campioa de Europa”.
No mesmo senso se pronunciaron o alcalde e a concelleira de Igualdade. O edil de Deportes tamén se referiu ao impacto económico que este evento deportivo terá en Ribadeo: “debemos así mesmo destacar o importante impacto que supoñen na economía ribadense 16 seleccións de entre 15 e 18 integrantes cada unha, máis as respectivas afeccións, nunha fin de semana na que Ribadeo será o centro de todas as miradas no mundo do rugby”.