O Concello de Cervo celebra o Día Mundial das Biblioteca agasallando libros aos máis pequenos.
Deste xeito, a edil de Educación e Cultura, Dolores García Caramés, achegouse ata os dous colexios do municipio para entregarlles aos pequenos do primeiro curso de infantil o libro personalizado “Os bolechas van a Cervo”; e animou ao alumnado a que, se aínda non o teñen, fagan o seu carné infantil, para retirar todo tipo de libros de balde das bibliotecas municipais.
Con motivo desta efeméride, este venres, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura, Felipe Díaz Caxoto, da Trastenda dos contos, ofrecerá aos pequenos e pequenas o seu espectáculo “un libro baixo a almofada”.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares destacou neste día a importancia de adquirir os hábitos de lectura desde as idades máis temperás, “porque os libros son unha fonte de riqueza cultural e didáctica fundamental para o desenvolvemento persoal que proporcionan ferramentas para coñecer e interpretar mellor e de xeito autónomo a nosa contorna social”.
O arquivo bibliográfico do Concello conta con máis de 15.000 volumes, entre as bibliotecas de San Ciprián e Cervo, que a día de hoxe superan os 700 socios.