A Asociación As San Lucas, organizadora das Feiras e Festas máis antigas de Galicia, xunto á alcaldesa da localidade, Elena Candia, avanzan algunha das actividades que inclúe o programa de As Lucas 2018, entre as que se atopa a celebración dun dos principais espectáculos de doma nocturna, o primeiro que se alberga en Galicia.
O presidente da Asociación, Miguel Souto, destaca que este espectáculo desenvolverase “na feira máis antiga de Galicia e no marco incomparable da Praza da Catedral, en fronte do monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco”. Souto defíneo como “un espectáculo único”, que chega da man do domador JavierSimon, encargado da parte relativa aos leds, equifire e á alta escola de fantasía e na que participarán oito cabalos. Ademais, esta maxestosa actuación contará coa exhibición de doma en liberdade de PacoMartos; mentres que a danza e a coreografía serán a cargo de Marta LarribaAdell; e os malabares eo fire effectvirán da man de Jaime de Morla.
Este primeiro espectáculo de doma nocturna que se celebra en Galicia terá lugar o día grande das Feiras e Festas de As san Lucas, o 18 de outubro, ás 20:30 horas na Praza da Catedral. Poderase ver un segundo pase o día 19, tamén ante o monumento declarado Patrimonio da Humanidade, nesta ocasión, ás 21:00 horas.
Música
No eido musical, a organización das San Lucas 2018 ten pechado dentro do programa para este ano a celebración do concerto do recoñecido Grupo Extra, que no marco da súa xira Euro Tour coa que está a percorrer Europa, traerá ata Mondoñedo éxitos de bachata como son ‘Es Amor’ ou ‘Me Emborracharé’. O concerto ofrecerase na Praza da Catedral o día 20, as 23:00 horas.
Ademais, as orquestras tamén serán un ano máis protagonistas das festas. O día 17, a Panorama; o 18, orquestras Compostela e Los Satélites; o 19, París de Noia e Principal; o 20, La Favorita e Israel e o 21, pechará o calendario de verbenas a formación Palladium.
Presentación do programa
O presidente da Asociación organizadora das festas, Miguel Souto, tamén anunciou que teñen previsto dende aquí ata o mes de outubro presentar o programa de As San Lucas 2018 nas setes cidades que foron capitais de provincia do Antigo Reino de Galicia, xunto con Mondoñedo. “Hoxe demos a coñecer na nosa cidade algúns dos aspectos do programa que xa temos pechado de cara a outubro e ao longo destes meses levaremos As San Lucas e ensinaremos o programa no que estamos a traballar en Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Ourense e Tui”.
Miguel Souto, quen lembrou que en pasadas edicións xa se deu a coñecer o cartel de As San Lucas en cidades como Santiago, León e Gijón, explica que este ano ampliarán estas presentacións xa que “queremos que todos os galegos e galegas se sintan orgullosos de ter unhas das feiras máis antigas de Europa”. Con este obxectivo, engadiu Souto, estamos a procurar “que As San Lucas conten cun programa variado” e no que, un ano máis, precisa, “haberá unha ampla programación cultural, na que estamos a traballar”.