O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca; o Concelleiro do Mar de Viveiro, Jesús Fernández Fernández; e o Presidente de CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), Francisco López Valladares, presentaron este martesno Pazo de San Marcos tres novas feiras de produtos ecolóxicos que se celebrarán nestes concellos ao longo dos meses de agosto e setembro baixo o nome de Ágora Verde,para dar a coñecer estes alimentos na provincia de Lugo.
O Goberno da Deputación é o principal impulsor desta iniciativa, que chega a súa terceira edición, cunha achega de 25.000 euros.En Monforte de Lemos terá lugar os días 23, 24 e 25 de agosto, en Viveiro os días 30,31 e 1 de setembro e, finalmente, en Lugo os días 4, 5 e 6 de setembro. Durante os días de feira haberá xogos, obradoiros infantís, concursos e demostracións de cociña, entre outras actividades.
Fernández Queipo lembrou que “Lugo conta coa maior superficie deste tipo de produción en Galicia (14.846 hectáreas, que representan o 47% do total)e esta é a comunidade autónoma que lidera o sector a nivel estatal (31.916 hectáreas), o que dá boa conta da relevancia desta actividade para a economía e o emprego na provincia.Creo firmemente no potencial da agricultura ecolóxica. Por iso, desde a Deputación involucrámonos na posta en marcha da primeira Escola de Agricultura Ecolóxica pública e gratuíta no Concello do Valadouro, ademais de distintas programacións formativas e gratuítas que impulsan o emprendemento sustentable, facendo posible a creación de novos negocios agroecolóxicos”.
“Temos que aproveitar as oportunidades económicas relacionadas co sector agroecolóxico, pois contribúe á xeración de novos postos de emprego; e ao desenvolvemento socioeconómico, a través de todo o proceso de comercialización; xa que estes produtos cada vez son máis demandados por toda a cidadanía. En efecto, o crecemento da produción certificada na provincia incrementouse nun 45% no ano 2017, medrando un 3% por riba da media galega, cun volume económico superior aos 22 millóns de euros”.
OVicepresidente subliñou que“este tipo de eventos resultan de grande importancia pois, a pesar do importante auxe da produción ecolóxica, aínda existe moita confusión entre os consumidores, que teñen dúbidas de cando un produto é ecolóxico e cando non o é. Deste xeito, coa posta en marcha desta campaña queremos insistir na necesidade de que os produtos para ser ecolóxicos teñen que estar certificados por un órgano de control autorizado een Galicia este é o CRAEGA”.
Os obxectivos que se perseguen coa celebración destas feiras son informar aos consumidores das propiedades e beneficios para a saúde do produtos ecolóxicos, os beneficios das prácticas agronómicas ecolóxicas para o medio ambiente, aproximar a produtores e consumidores ou facilitar encontros entre produtores para establecer alianzas orientadas á distribución e comercialización dos produtos.
Coa celebración destas tres feiras de produtos ecolóxicos, preténdese dar a coñecer ao público en xeral, a produción de produtos alimentarios certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Deste xeito, habilitarase un posto informativo, haberá degustacións ao público e, finalmente, os participantes se así o desexan poderán mercar os alimentos nas casetas dos produtores.