A delegación de Cultura do Concello de Cervo conmemorará o Día da Letras Galegas co concerto de Caxade. Será o sábado, 19 de maio, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura en San Ciprián.
Caxade é o proxecto persoal de Alonso Caxade. Folk-pop cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo posmoderno e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.
Caxade é unha banda musical, pero nace no último trimestre do 2012 como proxecto audiovisual transgresor, coas videocreacións “Dança dos Moscas”, “Gente Pota” e “Sr. Xorda” (con Javier Antelo Seoane, Iria Pinheiro e Tánia Ameneiro). En novembro de 2013 edita no selo cooperativo "Discos da Máquina" o seu primeiro traballo discográfico A Dança dos Moscas coa banda formada por Manu Paino (trompeta e carilhom), Manu Espinho (bombardino), Xosé Tunhas (bateria) e o propio Alonso Caxade (voz e acordeón).
Dous anos despois (decembro de 2015) sae á venda o DVD CD A Dança dos Moscas Ao Vivo gravado coa Banda de Música da Bandeira e, xa en 2016, o seu último traballo "E isto é o Amor". A consolidación dun son e dunha voz que insufla aires pop na música tradicional galega.