O restaurante Texturas Galegas, de Ribadeo, que rexenta o cociñeiro Javier Montero, acolle desde mañá, 28 de marzo, e ata finais de abril unha exposición de Celso Dourado titulada Botánica. O artista barreirense pretende render homenaxe ás plantas, ás flores e ás verduras, produtos que Javier Montero emprega para elaborar os pratos que se poden saborear no seu establecemento.
Celso Dourado explicou que “dados os meus lazos familiares co cociñeiro Javier Montero e a miña amizade con el, tras unha conversa un día nunha cea, decidimos facer unha colaboración eu como artista e el como cociñeiro, cun referente que son as plantas, as utilizadas na cociña e a planta como motivo artístico”.
O artista de Barreiros detallou que “é unha serie que leva por título Botánica, consiste nuns dez cadros, e estará exposta no restaurante Texturas Galegas en colaboración co bo facer culinario de Javier Montero. Inauguramos este vindeiro mércores e estará aberta practicamente todo o mes de abril”.
Dourado dixo que “para min non é habitual expoñer nun restaurante, pero préstame moito dada a colaboración con Javier Montero. Coido que é un grande cociñeiro que puxo o seu ollar en Ribadeo e espero que lle vaian as cousas ben”.
E engadiu: “teño unha querenza especial pola forma das plantas, e sempre que teño oportunidade de aportar algo, sendo a planta protagonista, a verdade é que me apetece. Este é un exemplo o que a min me presta, esta colaboración con Javier, e por iso me alegra moito ter esta exposición durante un tempo en Texturas Galegas, de Ribadeo”.
Pola súa banda, o cociñeiro Javier Montero contou que “eu son unha persoa bastante afín ao que son as cousas ecolóxicas, verduras, vexetais, flores e demais, e temos un grande cariño para poder surtirnos destes brotes magníficos, que realmente son descoñecidos para os comensais. Intentamos introducir flores e vexetais novos para que a xente se dea conta que o natural tamén ten cabida”.
Montero comentou que “Celso é un cliente habitual e nos meus pratos soen ir bastantes flores, brotes e demais porque me gusta esa combinación, ademais visualmente son moi bonitas ao prato. Pero xa non só é o visual senón polo seu sabor, porque mestura as texturas picantes, doces, agridoces, é un pouco a vida das flores”.