Talía Teatro presenta a comedia Ubú Rei este sábado, 3 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
A historia conta como Pai Ubú, impulsado pola súa ambiciosa muller Madre Ubú, asasina ao seu protector, o Rei de Polonia, e a case toda a súa familia para roubarlle os seus estados. Despois dun breve triunfo instaura un reinado de corrupción e nepotismo levados ata o absurdo.
Ubú Rei é unha proposta cruel e traxicómica sobre os extremos da ruindade e da degradación do ser humano. A súa relevancia radica no desconcerto que provoca e na destrución de case todas as normas e tabús do teatro contemporáneo. O seu protagonista, o innobre e grotesco Ubú, vai directo ao corazón da conciencia burguesa e aínda hoxe a escandaliza nas súas numerosas representacións e adaptacións.
Nesta versión, Roberto Salgueiro ve indispensable conservar o carácter metatreatal do texto, así como traballar sobre as dúas ideas centrais do mesmo: poder e sexo.
O elenco artístico está composto por Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo, Marta Ríos, Rubén Prieto e Marta Lado.