O Concello de Ribadeo organiza unha serie de actividades infantís durante o Nadal que se desenvolverán dende o 27 de decembro ata o 4 de xaneiro.
O día 27 haberá unha festa lúdica no pavillón dende as 16:30 ata as 19:30 horas. Haberá inchables, obradoiros e animación musical e a entrada será de balde.
Tamén o mércores 27 dará comezo un obradoiro de iniciación ao crochet, que terá lugar durante o xoves 28 e o venres 29. Trátase dunha actividade interxeracional realizada con Aquí? como de 20!!!. Celebrarase na Casa da Xuventude entre as 16:00 e as 17:30 horas, a inscrición é gratuíta. O obradoiro está destinado a rapaces a partir de 9 anos.
O venres 29 o grupo de teatro Pistacatro presentará Outono, no auditorio municipal Hernán Naval ás 17:30 horas. O prezo da entrada será de 4 euros e de balde para menores de 2 anos.
As actividades continuarán os días 3, 4 e 5 de xaneiro cun obradoiro de Ferramentas Dixitais para maiores de 10 anos. Trataranse temas como procesador de textos, presentación e editor de imaxes. Terá lugar na Aula Cemit da Casa da Xuventude en horario de 11:30 a 13:00 horas. As prazas son limitadas.
O 3 de xaneiro continuará a programación de Nadal con outra actividade interxeracional con Aquí? como de 20!!! e Juan Silvent, de Barriga Verde, que falarán de O cine de antes. A cita terá lugar no Cine Teatro, ás 16:30 horas, con entrada de balde.
O 4 de xaneiro Educateatro presentará Pinocchio, ás 17:30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval. O prezo da entrada será de 4 euros, e os menores de 2 anos de balde.
Estas actividades están organizadas pola Concellaría de Mocidade e pola OMIX.