O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde e o Alcade de Alfoz, Jorge Val Díaz,presentaron este mércores, na Casa da Cultura do municipio, o Ciclo de actividades de outono.Trátase da programación cultural que organiza o Concello coa colaboración da Deputación, que encherá de teatro a Casa da Cultura de Alfoz durante as fins de semana. Inclúe 6 representacións teatrais, totalmente gratuítas, de grupos de teatro da provincia. O Goberno da Deputación colabora con esta e outras iniciativas que se celebran no Concello de Alfoz, a través dunha achega económica de 8.000 euros e do Buxiganga. Faino na súa aposta pola dinamización económica e social do rural, levando actividades, de balde, durante todo o ano.
Vidal Baamonde explicou que “esta iniciativa, ao mesmo tempo que fomenta a cultura, contribúe ao impulso da económica deste Concello da Mariña Lucense. Pois consideramos que este tipo de citas, que reúnen a un importante número de persoas, son fundamentais para dar a coñecer e poñer en valor cada recuncho da nosa provincia, ao tempo que ofrecemos programacións de actividades, totalmente gratuítas, durante todo o ano. Esta colaboración enmárcase dentro da nosa aposta por potenciar o teatro como un elemento de transmisión cultural, que dinamiza a nosa lingua e fomenta a actividade lúdica e social das nosas vilas. Os veciños de Alfoz, terán unha cita coas artes escénicas, durante todas as fins de semana de outono, grazas á Deputación e ao Concello”.
O Alcalde de Alfoz agradeceu o compromiso do Executivo Provincial na promoción da axenda cultural do Concello, e convidou a todos os visitantes a achegarse a Alfoz para gozar do teatro ao aire libre e coñecer os recursos turísticos do Concello.
Programación de actividades
O ciclo de actividades de outono que ofrece o Concello de Alfoz coa colaboración da Deputación conta con 6 representacións teatrais e contacontos:
-Sábado 14 de outubro ás 20:00 horas, o grupo de teatro O Torques, representará a obra Ondas as dan as tomas, pertencente ao Buxiganga Teatro da Deputación.
-Venres 20 de outubro ás 15:00 horas, terá lugar o contacontos de Chi Coito, coa obra Bibliocanta, dirixido ao público infantil.
- Sábado 28 de outubro ás 20:00 horas, o grupo de teatro Os Trocos representará a obra de teatro Full Monte, pertencente ao Buxiganga Teatro da Deputación.
- Sábado 4 de novembro ás 20:00 horas, terá lugar o contacontos de Ángeles Goas, coa obra O medo é libre.
-Sábado 11 de novembro ás 20:00 horas, o grupo de teatro Os Trangallairos representará a obra A taberna de Suso.
-Sábado 18 de novembro ás 20:00 horas, o grupo de teatro O Centiño representará a obra O zume de amorodios.