
O Goberno local do Concello de Mondoñedo amplía este curso escolar as actividades da ludoteca municipal para contribuír na conciliación familiar. Con este obxectivo está a informar por carta a todos os veciños e veciñas con fillos para que poidan facer uso dos diferentes programas e das instalacións municipais.
As actividades que se ofertan están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos matriculados no colexio público e pretenden colaborar cos pais e nais que traballan ou que polas razón que sexa necesiten deixar aos seus fillos e fillas atendidos antes ou despois da xornada lectiva.
Trátase, en palabras da alcaldesa, a popular ElenaCandia, de “reforzar a oferta e poder axudarlles aos pais e nais para que a conciliación laboral e familiar sexa unha realidade no noso Concello”.
Programa de madrugadores, de tarde e de etapas non lectivas
Así, desde o Concello ofrécense tres programas: o programa de madrugadores, o programa de tarde e o programa etapas non lectivas.
A iniciativa de madrugadores funcionará desde as 08:00 ás 09:30 horas.
O programa de tarde estará en funcionamento desde que os nenos e nenas saen do colexio ata as seis da tarde. Se alguén precisa facer uso doutros horarios estudaranse as propostas.
O programa de etapas non lectivas é unha iniciativa para a atención de nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos para favorecer a conciliación durante os períodos vacacionais dos rapaces, tales como o Nadal, Entroido, Semana Santa ou verán.
Aquelas persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse poden chamar ao teléfono do Concello e contactar co departamento de Servizos Sociais no número: 982524003 ext. 8. A ludoteca está situada no recinto do colexio público.