A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e o Concelleiro de Cultura, José Díaz, presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos a programación de actividades que Goberno de Deputación e Concello levan a Burela dende o 25 ao 27 de agosto no marco da III edición da Feira do Libro burelense.
O Executivo Provincial colabora co municipal na celebración desta iniciativa a través dun investimento de 8.000 euros, que permitirán a organización de novas actividades ao longo deste ano. Con cargo a este orzamento, a feira do libro de Burela contará con 10 stands doutras tantas librerías, 14 actividades para persoas de todas as idades, como presentacións e sinaturas de libros, entre outras; así como contacontos para os cativos, ademais dos concertosde Luar na Lubre e do cuarteto de jazz municipal.
García Porto destacou que “dende o Executivo Provincial convertemos á Deputación na principal patrocinadora desta cita, que dinamizará social e economicamente Burela durante unha fin de semana no que esta Comarca segue a acoller a centos de visitantes, que poderán gozan dunha feira que reúne literatura e música, ademais de coñecer a riqueza natural, patrimonial ou gastronómica da Mariña. Todo isto no marco da nosa aposta por unha Deputación rural, social e coas persoas, que traballo no impulso do sector turístico para xerar riqueza e emprego na provincia”.
O Alcalde destacou o dinamismo cultural do Concello, e convidou aos visitantes “a achegarse a Burela para coñecer un dos recunchos mais bonitos da Mariña e ao mesmo tempo deixarse empapar da nosa cultura, a nosa música, da nosas paisaxes e tamén das nosas tradicións”, resumiu.
Programación
Pola súa banda, o Concelleiro de Cultura avanzou que a III Feira do Libro contará con 10 stands doutras tantas librerías, así como con 14 actividades para persoas de todas as idades, nas que se inclúen presentacións e sinaturas de libros dos propios autores, ademais de contacontos para os máis cativos, entre outras moitas iniciativas, que se seguen a pechar. Destaca, por exemplo, e a maiores, o concerto de Luar na Lubre, que terá lugar o venres 25 de agosto, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura. A cita pechará o domingo, 27 de agosto, como máis música a cargo do cuarteto local de jazz.
A III Feira do Libro de Burela inaugurarase o venres 25 de agosto, ás 19:30 horas, co pregón da escritora Marica Campo. O horarios de apertura dos 10 stands será de10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas.