Dos días 17 ao 21 deste mes de agosto celébranse en Xove as festas patronais San Bartolo 2017, que foron presentadas polo alcalde, Demetrio Salgueiro, as concelleiras de Cultura e de Deportes, Dolores Meitín e Cristina Iglesias, e os membros da comisión de festas Andrés García, José Carlos Cociña e Benigno Canoura.
O programa de festexos comezará o 17 ás 16:00 horas no salón de actos do Centro Cívico, Talía Teatro presentará o espectáculo Rosa Caramelo e outras historias dentro do programa Ler conta moito da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Esa primeira xornada de festas rematará coa lectura do pregón a cargo da escritora Rita Morrigan, ás 21:00 horas, tamén no salón de actos do Centro Cívico.
O venres, 18 de agosto, ás 20:00 horas, terá lugar unha sardiñada popular que estará amenizada pola Charanga de Neda. O prezo dos tickets será 2 euros e haberá ademais venda solidaria de postres caseiros para recadar fondos que se destinarán á Asociación Protectora de Animais Axóuxere de Xove. Ás 23:00 horas celebrarase a verbena con Costa Oeste e un DJ.
O sábado, día 19, comezará co pasarrrúas a cargo de Saíñas, e ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne en honor a San Bartolo coa participación dun grupo da Escola Municipal de Música de Xove e procesión con Saíñas. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú con Jerusalén, e xa pola tarde, ás 18:30 horas no novo campo de herba artificial, disputarase un partido de fútbol de solteiros contra casados. O día rematará cunha verbena amenizada polas orquestras Jerusalén e Gran Parada a partires das 23:30 horas.
O domingo 20 pola mañá desfilarán os pasarrúas coa banda TAU de Viveiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na honra á Virxe do Carme coa participación do coro parroquial Louvanzas Novas de Xove e procesión coa banda TAU de Viveiro. Ás 14:30 horas celebrarase unha sesión vermú co Grupo Fénix, e ás 23:30 horas haberá verbena co Grupo Fénix e Os Satélites.
O luns, 21 de agosto, que é festivo local, será o Día dos Nenos e haberá inchables na Praza do Concello a partires das 17:00 horas. A organización recomenda levar bañador e toalla para os xogos acuáticos.
Ademais durante estas festas de Xove, dos días 14 ao 18 na pista municipal de pádel de Xove, disputarase o V Opel Pádel San Bartolo. Tamén haberá no Centro Cívico a X Exposición Fotográfica Xove 360º. Cores, dos días 12 de agosto ao 3 de setembro e aberta diariamente de 18:00 a 22:00 horas. A Oficina de Turismo acollerá ademais a mostra titulada Coas Nosas Mans X, dos días 18 ao 24 de agosto.