Concello de Mondoñedo reforza a Oficina de Turismo coa contratación dun técnico de información turística ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia, que realizará labores de difusión e promoción turística ata o vindeiro 15 de setembro, o que permitirá ofrecer unha mellor resposta ao visitante durante os meses de maior afluencia de turistas.
Deste xeito, o Goberno local continúa a potenciar a oficina de turismo, que está aberta durante todo o ano de domingo a luns, sendo unha das de referencia da Mariña. Reforzouse xa no ano 2016 ademais de cun contrato a tempo completo para o verán, cunha persoa a tempo parcial para todo o ano. E desde marzo de 2017 o Concello contratou, -a través do plan DepuEmprego-, a unha axente de desenvolvemento turístico coa acreditación de Guía Oficial de Turismo, que ademais de prestar atención ao público, traballa nas labores de xestión de promoción do destino. Pola súa banda, a través do Voluntariado Cultural, cóntase coa colaboración puntual dos voluntarios na organización de eventos ou información turística.
Xestión turística do Concello
A alcaldesa da localidade, Elena Candia, tamén anunciou que dende o Concello se continúan a poñer en marcha accións dirixidas a promocionar os recursos locais. Así, a rexedora explicou que se “están a facer visitas a todos os hoteis da zona para dar a coñecer os nosos recursos como son a Cova do Rei Cintolo, a Catedral e mesmo os talleres de artesanía dos Muíños, entre moitos outros potenciais”. Ademais, engadiu, “estamos implicados co sector e neste senso estamos en contacto cos titulares das vivendas para uso turístico”.
Deste xeito, o Goberno que preside ElenaCandia continúa a desenvolver accións no eido turístico, sendo un dos eixos fundamentais da actual xestión turística do Concello, “a comunicación de destino para dar a coñecer Mondoñedo como destino esencial da oferta turística en Galicia”, explica a rexedora. Neste eido, no ano 2016, presentouse en FITUR a nova imaxe de Mondoñedo “Mondoñedo, é” . Con esta imaxe estase a traballar na promoción do destino a través da publicidade (flyers, manteis para hostalería, mapas en galego-español e inglés-frances.), das relacións públicas (notas de prensa, colaboración con fundacións e asociacións como a Fundación InternationalSolidarity for HumanRights); así como da súautilización en presentacións, patrocinios, fam-trips ou a participación en feiras, entre outras.
A alcaldesa tamén destacou a visita de diferentes blogg-trips de relevancia no panorama español (Diego Pons, mochilerostv.com, lacosmopolilla, DEMIKU, Galicia en Pie...), que o Concello de Mondoñedo promoveu durante o ano 2017 e que tiveron como obxectivo fundamental favorecer a comunicación do destino a través das redes sociais para captar novos visitantes.
Plan de sinalización
No que refire ao eido das accións de mellora do destino, no ano 2016 o Concello desenvolveu un plan de sinalización do centro histórico, que mellorou substancialmente a mobilidade peonil no centro histórico e favoreceu a promoción de todos os seus recursos. Neste ano, está previsto sinalizar recursos vinculados ao Camiño de Santiago Norte.
Ademais, co obxectivo de mellorar o tempo de permanencia en destino, o Concello está incrementando á oferta de atractivos, con proxectos como osCasa-Museo de Álvaro Cunqueiro na praza da Catedral e a Casa dos Coengos que podería acoller o Museo da Imprenta. Estase tamén a traballar na reactivación do proxecto de Artesanía do Barrio dos Muíños que ampliará a oferta de obradoiros visitables no verán de 2017 incorporándose ao proxecto un renovado alfar e mais un artista da forxa.
Incremento do número de visitantes
O número de turistas e de visitantes que recibe Mondoñedo segue a incrementarse con respecto ás cifras de anos pasados. Os datos recollidos pola oficina de turismo da localidade corroboran a tendencia á alza que está a conseguir o turismo na cidade. Así, en canto á demanda de visitantes, segundo os datos recollidos pola oficina de turismo, no ano 2016 deuse un lixeiro incremento das cifras con respecto ao ano anterior, mentres que os datos acumulados do ano 2017 amosan incrementos excepcionais que roldan o 100% en todas as tipoloxías de visitantes destacando o incremento de peregrinos e grupos.
Ademais, segundo o balance da oficina de turismo, no período 2015-2016, e asemella xa ser tendencia no 2017, obsérvase unha mellora na situación de estacionalidade propia do destino xa que o número de visitantes estase a incrementar nos meses de tempada media e baixa. Tamén se aprecia un incremento no número de viaxeiros estranxeiros en todas as categorías (peregrinos, familias e grupos) e un incremento xeral na tipoloxía de grupos.
Os grupos son unha das prioridades da actual xestión turística promovida polo Goberno local, o que os levou a establecer convenios e colaboración con universidades, empresas e axencias de viaxes, entre outras entidades, xerando proxectos como é o da Mariña Activa. Ademais, de ser requirido, a oficina de turismo fai labores de receptivo cos grupos que xa sexan axencias de viaxes, asociacións, ou colexios, entre outros, apoiando a organización das visitas e prestando servizos de guía ou acompañamento. Neste senso, nos últimos meses atendéronse as necesidades de máis de cincuenta grupos e prestáronse servizos de guía a case mil persoas.
A alcaldesa valora de xeito moi positivo estes datos que hoxe adiantou o Goberno local ao amosar que se “está a seguir o camiño correcto e a traballar nunha boa dirección que permita obter bos resultados a nivel turístico e converter Mondoñedo nun destino esencial da oferta turística de Galicia”.