O Concello de Cervo acollerá os vindeiros 24 e 25 de xuño o campionato de España de Motonáutica por Radiocontrol térmico.
A cita desenvolverase no Encoro de Riocobo, e participarán unhas 35 lanchas procedentes de toda a xeografía española.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, José Ramón Soto, presentaron o evento acompañados do representante da Federación Galega de Radiocontrol Térmico e único piloto galego que compite, Emilio Cadaveira, e do delegado provincial da federación, José Soto.
Tal e como sinalou Villares “xa é a segunda vez que Cervo acolle unha competición destas características, no 2015 xa fomos sede do Campionato de España de motonáutica por radiocontrol térmico, e cremos que é unha oportunidade para dinamizar e aproveitar dun xeito diferente o noso encoro, que será sen dúbida un punto de encontro atractivo para os amantes desta disciplina, pero tamén para todos aqueles veciños e visitantes que desexen ver de balde un espectáculo singular ao aire libre da man dos mellores pilotos a nivel nacional”.
Ademais, -engadiu- “é sen dúbida unha boa plataforma para amosar e dar a coñecer a pilotos e acompañantes o noso municipio e os moitos atractivos que ten, e que gocen dunha fin de semana deportiva e turística ao tempo”.
O rexedor puntualizou que “a filosofía deste equipo de Goberno é brindar aos nosos veciños unha oferta deportiva ampla e diversificada, aproveitando todos os recursos e instalacións coas que temos o privilexio de contar, e nesa liña é sobre a que estamos a traballar; tentando facer de Cervo un muncipio identificado co deporte en todas as súas facetas e disciplinas”.
Na competición participan lanchas cunha lonxitude de 1,20 metros aproximadamente que chegan a acadar os 120 km/hora.
As probas son realizadas seguindo as normas da Real Federación Española e Galega de Motonáutica e distribúense en catro categorías:
• Ata 3,5 c.c.
• De De 3,6 a 7,5 c.c.
• De 7,6 a 15 c.c.
• De 15,01 a 35 c.c.
O número máximo de participantes por categoría non poderá ser superior aos 15. Correranse tres mangas por categoría, das que se puntuarán as dúas con mellores resultados. En caso de empate terase en conta a puntuación da terceira manga.
O Concello de Cervo fará entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría; e os tres mellores pilotos da proba obterán o billete para participar no Campionato do Mundo que se celebrará en Francia, no 2018.
O horario das probas será o seguinte:
- Sábado, 24 de xuño .- A partir das 10:00 horas comezarase a formalizar as inscricións e haberá adestramentos libres ata as 13:00 horas. A partir das 16:00 horas darán comezo as mangas de cada categoría
- Domingo, 25 de xuño .- de 9:00 a 10:00 horas formalizaranse as inscricións. A partir das 10:00 horas realizaranse as mangas restantes.
O circuíto consistirá na habitual “M”, usada neste tipo de competición de 100*50 metros, aproximadamente.
Todos os participantes terán que estar en posesión da correspondente licencia de piloto, co selo de habilitación da Real Federación Española de Motonáutica correspondente ao ano 2017.
Non existe límite de idade para os pilotos; aínda que os menores de 18 anos deberán aportar autorización do titor legal.
Todas as lanchas deberán estar provistas dun sistema silenciador efectivo e suficiente, como para non emitir un volumen de son superior aos 85 db a unha distancia de 22 metros.