A asociación Amadores da Música está preparando a celebración do 25º aniversario da banda municipal de Ribadeo, que se cumpre este ano. As actividades que xa están programadas son unha exposición sobre a historia da formación e un concerto especial, actuación na que pretenden que participen boa parte dos músicos que pasaron pola formación.
Na mostra exporanse fotos, programas e carteis de concertos, instrumentos, traxes dos músicos, artigos de prensa e outros obxectos relacionados coa Banda ribadense durante estes 25 anos. Estará aberta ao público na planta baixa do edificio da Casa do Mar do 18 ao 25 de agosto.
E o concerto conmemorativo do 25º aniversario está programado para o día 19 de agosto e a directiva de Amadores da Música anima aos ex compoñentes da Banda a que se unan aos membros actuais para facer unha actuación especial. Para iso fan un chamamento aos músicos que pasaron pola formación durante estes 25 anos para que se apunten o antes posible para participar neste concerto; poden facelo a través do correo electrónico amadoresdamusica@yahoo.es ou chamando ao teléfono 629.881.930, co que tamén poden contactar vía whats app. Despois enviaranlles o repertorio que se interpretará, coas partituras, e as datas dos ensaios, que está previsto que empecen a principios de agosto.
“Queremos que todos os que estean en disposición de tocar formen parte da banda nesta actuación e os que non gustaríanos que polo menos se acheguen ata alí para reunirnos nesa xornada tan especial, na que tamén celebraremos a churrascada que facemos todos os veráns”, explican desde Amadores da Música.