Coma tódolos anos dende a Asociación Cultural O Pasatempo queren celebrar a chegada da primavera cunha xornada de actividades para pequenos e maiores, que terá lugar o vindeiro sábado, 1 de abril, en Mondoñedo.
Desde a organización sinalan que “a partir das 16:30 horas da tarde no Parque do Seminario de Mondoñedo inícianse as actividades para nenos e nenas de tódalas idades con diversos talleres de manualidades (en caso de choiva, serán na Casa da Cultura). Dende esa hora haberá tamén xogos tradicionais (chave, tiro da corda, ...) para todas as idades coa colaboración da Delegación de Deportes do Concello mindoniense. Finalmente arredor das 18:00 horas plantarase a árbore no propio parque, momento no que se entregarán os premios aos carteis gañadores. Todos os que o desexen, poderán recitar poemas dedicados á Árbore ou á Natureza durante a plantación. Ademais, durante toda a tarde estarán expostos os debuxos participantes no “VI Concurso de Debuxo da Árbore”, realizado no CEIP Álvaro Cunqueiro e na Escola Infantil Galiña Azul de Mondoñedo, de onde saíron os 2 debuxos gañadores para ser o cartel da festa”.
E engaden: “como curiosidade, recordar que foi en Mondoñedo onde se celebrou a primeira Festa da Árbore de Europa o 4 de febreiro do ano 1569, sendo rexedor Luis de Luaces, o cal ordenou plantar árbores frutais na hoxe Alameda dos Remedios baixo pena de multa a quen non o cumprise. Para celebralo, trala plantación, ofreceu a todos os veciños unha comida campestre”.