A piscina olímpica municipal de San Ciprián acollerá unha xornada de portas abertas e unha festa acuática infantil o día 3 de xaneiro de 2017, martes. Da organización encárgase o Concello de Cervo e foi presentada polo alcalde, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto.
O edil de Deportes anunciou hoxe que “o Concello de Cervo, un ano máis e como complemento as distintas e variadas actividades que durante estas datas se están a celebrar no noso municipio, realizará unha xornada de portas abertas na piscina olímpica de San Ciprián, con entrada gratuíta, para todos aqueles nenos e nenas que queiran gozar da festa acuática que terá lugar o vindeiro 3 de xaneiro entre as 17:00 e as 19:00 horas”.
Soto especificou que “están previstas distintas actividades acuáticas con inchables para que os máis pequenos poidan gozar dunha das moitas xornadas que ó longo destes días de vacacións escolares estanse a organizar dende o Concello de Cervo. Todas estas actividades estarán controlados polos monitores da piscina, aínda que todos aqueles nenos menores de sete anos deberán vir acompañados dun adulto, ó igual que todos os menores de 10 anos que non saiban nadar”.
O delegado municipal de Deportes rematou comentando que “dende o Concello, como non pode ser doutro xeito, séguese apostando forte polo deporte e o mantemento dos servizos públicos. O obxectivo do goberno local e do persoal da piscina é fomentar a natación a través do xogo e o entretemento e, ó mesmo tempo, dar a coñecer ós máis pequenos un xeito de formarse en actividades deportivas. As persoas interesadas en anotarse nas actividades poden achegarse á piscina municipal para obter máis información ou chamar ao número de teléfono 982.59.45.12. Con estas actividades preténdese que os nenos poidan rendibilizar máis, se cabe, as súas actividades acuáticas”.