
Ata o 31 de xaneiro pode visitarse na sala de exposicións de Regalxunqueira, en Viveiro, a exposición titulada "Homes e Bestas. Tradición cabalar en Mondoñedo", de José Mª Álvez e Sergio López Maseda.
A mostra consta de 39 fotografías que recollen impactantes imaxes da rapa das bestas de Campo de Oso en Mondoñedo nos anos 70 e dende 1998 á actualidade. Tamén reflicten instantáneas da feira cabalar das San Lucas e da baixada dos cabalos do monte para as populares feiras mindonienses nos últimos anos. As fotografías recollen o traballo fotoxornalístico de José María Álvez Marciel dende a súa chegada á comarca da Mariña para traballar no diario El Progreso. Ademais a mostra tamén presenta instantáneas tomadas polo fotógrafo burelés Sergio López da rapa nos anos 70.
Impresas en branco e negro, as fotografías transmiten unha tradición que na Mariña se mantén viva en distintos puntos, e que se vincula directamente coa actividade dos gandeiros que seguen coa cría de gando en liberdade no monte. As fotografías contan deste xeito, non só a tradición da rapa en si mesma en Mondoñedo, senón tamén a daqueles que permiten mantela viva co paso dos anos.