A concelleira de Cultura e Educación, Dolores García Caramés, presentou esta tarde a programación infantil de Nadal organizada polo seu departamento a representantes das asociacións de nais e pais de alumnos dos colexios do municipio e da asociación Pasiño a Pasiño.
Haberá un ciclo de cine infantil na Casa da Cultura, de San Ciprián, con tres proxeccións: o día 22 de decembro, xoves, ofrecerase a película Noche ¿de Paz?; o 2 de xaneiro, luns, O soño dunha noite de San Xoán; e o 4 de xaneiro, mércores, O bosque animado. Todas serán ás oito da tarde.
Tamén se levará a cabo o programa Enredos de Nadal do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro. Para o alumnado de 2º ciclo de Infantil será de 11 a 12:30 horas e para o de Primaria de 12:30 a 14 horas. As actividades desenvolveranse na Casa do Mar de San Ciprián, onde se poden facer as inscricións, ao igual que na Casa do Concello de Cervo. Os interesados poden obter máis información chamando ao teléfono 982.879.583.
Dolores García explicou que en Enredos de Nadal “faranse manualidades, xogos e un obradoiro de cine, que é unha novidade e permitirá que os nenos e nenas se convertan en pequenos actores e cámaras”.
A edil de Cultura rematou comentando que o obxectivo destas iniciativas é que “as familias, sobre todo os nenos e nenas, teñan alternativas de ocio este Nadal no concello de Cervo”.