A XIII Ruta en vehículos 4x4 Montes da Mariña, que foi presentada en Foz, celebrarase do 28 ao 30 de outubro.

A XIII Ruta en vehículos 4x4 Montes da Mariña, que foi presentada en Foz, celebrarase do 28 ao 30 de outubro.
 
A XIII edición da ruta en vehículos 4x4 Montes da Mariña celebrarase este fin de semana, desde mañá, venres, día 28, ata o domingo 30. Foi presentada en Foz nun acto no que participaron o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e os representantes do club Os Correcamiños Pablo Sobrado, Javier Blanco e Carlos Maseda.
 
Os organizadores explicaron que “este ano bateuse o récord de inscritos, cun total de 480. As procedencias dos participantes son do norte da península, así como de Madrid e Cáceres, entre outros lugares”.
 
Tamén anunciaron que “a xornada de mañá, venres, estará dedicada á recepción dos participantes. O sábado 29 sairán ás 9 da mañá para realizar unha ruta todo o día, con comida no pavillón de Ferreira do Valadouro e cea no polideportivo do colexio Martínez Otero, de Foz. As persoas que desexen ver a estes vehículos en acción teñen dous bos puntos: no especial da Ermida, sobre as 10 da mañá, ou en Brea, sobre as 17 horas. E o domingo 30 desde as 9 da mañá haberá probas de habilidade no circuíto da Roxa (Vilaronte) e posteriormente comida no pavillón do Martínez Otero”.