O I Certame Literario e de Artes Plásticas Xuvenil Concello de Ribadeo foi presentado este mediodía no salón de plenos da Casa do Concello. Os traballos nas modalidades de relato curto, poesía e debuxo terán de prazo para presentarse ata o 31 de xaneiro do 2017. Poden presentarse todos aqueles rapaces e rapazas nados entre o 1 de xaneiro de 1976 e o 31 de decembro de 2000, que cursaron os seus estudos en Ribadeo, en primaria, secundaria ou FP.
Na presentación o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, lembrou que “ata o de agora mozos e mozas de Ribadeo, de Barreiros ou de Trabada que estudaban aquí a secundaria cando eran pequenos podían participar e poden seguir participando nos concursos clásicos que convoca a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho en coordinación coas demais bibliotecas municipais da provincia, que son os concursos de Nadal e das Letras Galegas”.
O edil nacionalista anunciou que “a partir de agora os mozos e mozas que teñan máis de 16 anos e ata os 40, porque é a primeira vez que facemos este certame literario e de artes plásticas e queremos dar pé a o maior número posible de persoas para participar, xa teñen o seu concurso literario e de artes plásticas, será o I Certame Literario e de Artes Plásticas Xuvenil Concello de Ribadeo”.
Graña explicou que “poderán presentarse nas modalidades de relato curto, de poesía e de debuxo nas súas diferentes vertentes. Os traballos deberán ser entregados antes do 31 de xaneiro do 2017. O relato curto poderá ter entre tres mil e dez mil carácteres, no caso de verso os poemas non superarían os 150 versos sen mínimo, e no caso de debuxo e pintura poderá ser en branco e negro ou en cor, iso si soamente en dúas dimensións, non pode ter ningún tipo de relevo porque o premio vai ser a edición destes traballos. Deben ser enviados por correo ao I Certame Literario e de Artes Plásticas, ao Concello de Ribadeo, Praza de España nº1 – 27.700 Ribadeo”.
O concelleiro de Cultura salientou que “o premio é algo fundamental para a xente nova que teña os anos que teña, comeza ou quere comezar a publicar. Moitas veces é difícil publicar, por iso precisamente pensamos nesta modalidade de concurso. O Concello vai editar en torno a 350 exemplares dos relatos curtos, dos poemas e dos debuxos que sexan gañadores. Haberá tres premios por modalidade, primeiro, segundo e terceiro coa posibilidade de outorgar algún accésit se o xurado o considerara oportuno”
Farruco Graña dixo que “este libro presentaríase no marco da seguinte feira do libro do próximo ano. O xurado vai estar composto por persoas do ámbito das letras, da docencia e das artes plásticas. Xente vinculada á comarca que valorará tanto a calidade dos relatos, dos poemas e dos debuxos, como tamén as obras deben ter algún vínculo coa comarca da Mariña e co propio concello de Ribadeo, pero ademais valorarase a perspectiva de xénero. Desde o Concello consideramos que toda a política que se está levando a cabo de promoción da igualdade entre homes e mulleres, tamén é bo que se vexa dalgunha maneira reflectido en todas as actividades que fagamos. Neste concurso literario consideramos que é un aspecto importante a ter en conta á hora de valorar as obras”.
Pola súa banda a concelleira de Mocidade, Vanesa Yanes, asegurou que “a mocidade ribadense ten moita capacidade tanto no ámbito musical como no literario e artístico. E convido dende a Concellería de Mocidade a todos e a todas a participar nesta primeira edición xa que é unha boa oportunidade para mostrar os seus traballos. Resaltar a data límite de recollida dos traballos que é o 31 de xaneiro do 2017”.