A II Feira do Libro, que se celebra en Burela do 26 ao 28 de agosto, acollerá diversas actividades como presentacións de libros, actuacións musicais ou debates con escritores.

A II Feira do Libro, que se celebra en Burela do 26 ao 28 de agosto, acollerá diversas actividades como presentacións de libros, actuacións musicais ou debates con escritores.
 
Durante os días 26, 27 e 28 de agosto a II Feira do Libro acollerá diversas actividades como presentacións de libros, actuacións musicais e debates con escritores. A praza da Mariña será o escenario deste evento. O alcalde, Alfredo Llano, anima a achegarse a Burela ao longo destes días. 
 
O rexedor comentou que “despois deste mes tan realmente activo aquí no noso concello de Burela con temas extraordinariamente atractivos para o público en xeral, para os nosos veciños e para a xente que estaba por aquí na comarca de vacacións, imos culminar con algo que a min me parece realmente importante como é a segunda edición da Feira do Libro que vai ter lugar o 26, 27 e 28 de agosto”.
 
O alcalde burelés salientou que “eu quero indicar que hai moito interese, o noso concelleiro de Cultura está traballando moi duro para que isto sexa un atractivo en todos os aspectos, no cultural, na venda de libros, na difusión, promoción e debate. Por tanto nese aspecto hai que ter e conta que está adquirindo moito nivel porque non é soamente vender libros, senón que cada autor poida defender o seu xeito de escribir”.
 
Alfredo Llano invita “a todo o mundo que estea aquí por Burela, incluso na comarca de A Mariña ou que veñan de fora para apreciar o que aquí imos ter esta fin de semana. Parécenos moi importante, vai haber descontos dos libreiros na venda de libros dun dez por cen, vai haber moito debate sobre certos aspectos da literatura, defensa dos propios autores das súas obras e poderemos preguntarlles aquilo que máis nos poida importar dunha obra. Vai haber moito dinamismo e oferta cultural. Temos dez casetas”.
 
O alcalde de Burela insistiu en que “se vai poñer á venda a segunda edición de Burela: Apuntes Históricos y Crónica del Siglo XX, que era moi agardada. Son nada máis que 500 exemplares, pero se hai unha demanda forte non tardaremos en facer unha terceira edición”.
 
Llano engadiu que “a familia tamén está de acordo con que se fixera esta segunda edición. A verdade é que é unha referencia clara deste escritor Ricardo Pena que deixou aquí para os veciños. Imos procurar a través deste libro afondar un pouco na nosa historia e xerar os cimentos para seguir abundando na historia de Burela. Nestes próximos anos queremos ir incorporando outras obras que vaian traballando sobre a historia do noso pobo e o noso concello”.