A IV Bandeira A Mariña, coa que colabora a Deputación de Lugo, decidirá aos gañadores da Liga Galega de Traiñeiras. O organismo provincial financia as probas do campionato autonómico que serán o 27 de agosto en Burela e o 28 en Ribadeo.

A IV Bandeira A Mariña, coa que colabora a Deputación de Lugo, decidirá aos gañadores da Liga Galega de Traiñeiras. O organismo provincial financia as probas do campionato autonómico que serán o 27 de agosto en Burela e o 28 en Ribadeo.
 
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañados de representantes da Liga de Traiñeiras; presentaron este xoves no salón de plenos deste concello mariñán a IV Bandeira A Mariña, última proba puntuable do campionato galego de traiñeiras. O organismo provincial colabora na organización deste evento, que atraerá a preto dun millar de persoas á Mariña durante a última fin de semana de agosto,cunha achega económica de 18.000 euros.
 
Rivera Capón sinalou que “esta cuarta edición da Bandeira A Mariña será sen dúbida a máis importante dos últimos anos xa que, a diferenza doutras edicións, a puntuación dos participantes que van á cabeza é moi similar. Isto fará que o gañador da Liga Galega de Traiñeiras máis disputada da historia se decida o sábado 27 en Burela coa final da Liga A”.
 
O Deputado de Deportes sinalou ademais que “non só está en xogo o premio de campión senón que tamén se vai a disputar durante esta fin de semana o play off de ascenso e descenso, decidíndose que embarcacións baixan á Liga B e cales soben á máxima categoría. Todo isto fará que a Mariña reúna durante a fin de semana do 27 e 28 de agosto a un total de 21 traiñeiras, 500 remeiros e máis de 1.000 espectadores”.
 
A IV Bandeira A Mariña disputarase, polo tanto, nunha dobre xornada con dúas regatas en formato contrareloxo. Mentres que en Burela as traiñeiras sairán dunha en unha, en Ribadeo farano de dúas en dúas, tal e como explicaron os responsables da LGT. Por outra parte, o domingo en Ribadeo competirán tamén as embarcacións femininas, sendo esta unha das cinco probas que se disputan en total ao longo do ano.