A asociación Pasada das Cabras de Burela organiza para este domingo, 7 de agosto, a ruta da Espiñeira a Cazolga. Invitados pola asociación Terras de Lourenzá fan este percorrido de 12 quilómetros e dificultade media-baixa, que permite gozar do curso do río Masma dende a ría ata a contorna da área recreativa da Cazolga.
O prezo para os socios é de 10 euros e de 15 euros para os que non o son, inclúe autobús e comida. A saída será ás 9:00 horas da Estación de Autobuses de Burela.
Ao remate da camiñata terá lugar unha churrascada na área recreativa da Cazolga organizada por Terras de Lourenzá, e pola tarde haberá música e xogos.