Faro Norte Comunicación saca hoxe á rúa o segundo número de A Gaceta Ribadense, xornal que se edita coincidindo coa celebración do Ribadeo Indiano.
Na editorial desta publicación os seus autores explican que “a festa Ribadeo Indiano chega este ano á súa terceira edición, pero dá a sensación de que xa leva máis porque o seu interese medra rapidamente e son moitos os ribadenses e os veciños doutros lugares que cada vez se involucran máis neste evento. A este mesmo ritmo trepidante tamén crece esta publicación, que pasou das 8 páxinas do primeiro número, o publicado o ano pasado, ás 24 deste, grazas ao importante incremento no número de empresas e negocios que colaboran coa súa publicidade e tamén ao aumento no número de articulistas”.
O segundo número da Gaceta Ribadense conta coa participación dos máximos responsables das entidades organizadores do evento (o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, David Martínez); do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; e do cronista oficial da provincia, o xornalista e escritor Juan Soto, nacido en San Roque, “que é a rúa ribadense máis indiana”. Tamén escriben outros destacados xornalistas, como son o especialista en información sobre a emigración galega Martín Fernández Vizoso, e o lucense Paco Nieto, ademais dos artigos e reportaxes realizados polos redactores de Faro Norte Comunicación: María José Fernández Azpeitia, Carmen Cruzado e Beni Mántaras. “Outra incorporación nesta Gaceta Ribadense é a de Toni Deaño, que así se une ao equipo no que xa estiveron o ano pasado Pablo Vivín e Carlos Álvarez Lebredo, este último exercendo para o presente número como virtual enviado especial a La Habana”, engaden desde Faro Norte Comunicación.
Son 4.000 os exemplares do segundo número de A Gaceta Ribadeo, os que se poderán atopar de balde ao longo dos vindeiros días nas librerías de vila e tamén nos preto de 70 firmas e locais que apoian esta publicación.