O Concello de Mondoñedo colabora coa celebración da Rapa Campo do Oso que se celebrará o domingo día 26 de xuño e que organiza a Comunidade de Montes de Santa María Mayor. Entre os colaboradores, ademais do equipo de Goberno de Mondoñedo, atópase o Concello da Pastoriza, Protección Civil Mondoñedo e a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia.
A Feira Anual de Gando Cabalar e Vacún terá lugar no quilómetro 15 da estrada entre Mondoñedo e A Pastoriza.
A rapa, unha das primeiras da temporada, conta coa aprobación oficial do Ministerio de Agricultura.
Programa
A partir das 10:30 horas dará comezo o encerro de gando. Ao longo da xornada haberá rapa e mercado de gando cabalar, así como unha loita de garañóns. Tamén haberá unha xornada de degustación de carne de poltro, de balde para todos e todas os asistentes. A festa estará amenizada coa música do Dúo Merengue.
A rexedora de Mondoñedo, a popular Elena Candia, convida a todos os veciños e veciñas e aos que estean de visita pola zona a asistir a un espectáculo singular “que reproduce unha loita ancestral do home contra o cabalo”.
Trátase dunha celebración cuxas orixes se remontan á Idade de Bronce, na que os agarradores se enfrontan cos cabalos ata que logran reducilos. Cando o conseguen, proceden a cortarlles a crin e marcalos con lume. Unha vez que remata o ritual os animais regresan ao seu espazo natural onde quedan en liberdade.