
A Concellería de Cultura focense organiza unha lectura pública de obras de Manuel María con motivo da celebración do Día das Letras Galegas para este venres, día 20, a partir das 10 da mañá no salón de actos da Casa da Cultura de Foz.
A edil de Cultura, Silvia Blach, manifesta que “con motivo da celebración das Letras Galegas, dedicadas este ano ao poeta e escritor Manuel María, convidamos a participar na lectura pública da súa obra o vindeiro venres, día 20, no salón da actos da Casa da Cultura, a toda a veciñanza que así o queira”.
Silvia Blach engade que “o horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:30 horas. Contaremos coa participación dos colexios da vila en horario de mañá e tamén nos gustaría que os demais veciños de Foz participaran neste acto conmemorativo”.
Concurso fotográfico
A Concellería de Cultura focense lembra que segue aberto o prazo de presentación de traballos para o concurso fotográfico Festexando o ano de Manuel María.
Poden participar mozos e mozas menores de 30 anos e cada proposta fotográfica presentada, tanto dixital como impresa, deberá ir acompañada dun poema ou dun texto narrativo da obra de Manuel María. As presentación dixitais serán en formato jpg e os envíos faranse ao correo electrónico biblioteca@concellodefoz.es ou ben poderán entregarse nas dependencias da Biblioteca Pública Municipal de Foz. O gañador ou gañadora recibirá de premio un libro electrónico.
O prazo de presentación de traballos remata o 5 de xuño e, de contar cunha cantidade significativa de propostas, farase unha exposición das mesmas.