Hoxe foi inaugurada na Casa da Cultura, de San Ciprián, unha exposición de pintura con obras da artista local Yesenia Cao. Esta mostra, incluída na programación cultural do Concello de Cervo, estará aberta ao público ata o día 27 deste mes. No acto de apertura participou a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés.
Yesenia Cao naceu en Viveiro no ano 1992, pero dende moi nova reside na localidade cervense de Rueta. Estudou Primaria no CEIP de Cervo, ESO no IES Marqués de Sargadelos e Bacharelato no IES Monte Castelo, de Burela, na modalidade de Artes. Posteriormente cursou Ilustración na Escola de Arte Pablo Picasso, da Coruña, onde obtivo o título de técnico superior en Ilustración. Ultimamente estivo traballando na Casa do Mar, de San Ciprián, como bolseira, e realizou deseños para diferentes proxectos.
A artista explica: “gustábame debuxar e dende moi nena souben que quería dedicarme a iso. Foi entón cara aos dez anos cando comezou a espertar en min esa vocación e o desexo de ter algún día as miñas propias obras. Ós once anos realizaba os meus primeiros lenzos, experimentando o contacto co óleo e o marabilloso mundo da pintura, unha paixón que formaría parte do meu futuro e que, de seguro, me arrastrará de por vida”.
A edil de Cultura comentou que “o Concello de Cervo aposta por todos os que queiran expoñer a súa arte aquí e especialmente polos novos creadores que se queren introducir neste mundo, como é o caso de Yesenia. Animámolos a que mostren a súa obra, xa que é unha forma de dar a coñecer os seus traballos, tanto de pintura como de escultura, fotografía, etcétera”.