Maxia, música, teatro e letras enchen de actividade o segundo trimestre do ano en Ribadeo. En abril El Brujo traerá á vila "El asno de oro".

Maxia, música, teatro e letras enchen de actividade o segundo trimestre do ano en Ribadeo. En abril El Brujo traerá á vila "El asno de oro".
 
Múltiples actividades de maxia, música, teatro e letras integran o programa cultural elaborado pola Concellaría de Cultura ribadense para o segundo trimestre que foi presentado hoxe polo edil de Cultura, Farruco Graña, e polo técnico deste departamento, David Díaz.
 
O responsable de Cultura salientou que é “unha axenda cultural chea de actividades de distinto tipo. Actividades todas elas que se caracterizan por un obxectivo común por parte de toda a Corporación,  que fagamos de Ribadeo un lugar agradable para vivir, un lugar polo que dea gusto pasar, pararse a facer unha visita e gozar das distintas actividades culturais que hai. Hai moitísimo, variado e de calidade. Hai moita música, hai teatro, temos como novidade nesta ocasión un número de maxia que vai ser moi rechamante ao que nos ten acostumados Pedro Volta. Un mundo de ilusión que desde a Concellaría de Cultura de Ribadeo queremos seguir potenciando en todos eidos. Un mundo tamén cheo de letras tanto para os cativos, as cativas e a xente adulta que acudimos a Biblioteca El Viejo Pancho para facer uso dos seus servizos como tamén para participar en concursos literarios ben sexa no certame de poesía de Nadal ou nas Letras Galegas co certame de debuxo e poesía que se celebrará tamén nesta ocasión”.
 
Farruco Graña engadiu que “teremos tempo tamén para homenaxear ao noso insigne escritor e poeta Manuel María. De todos é sabido que este ano é o ano de Manuel María e teremos especial mimo coa súa figura para tratala como se merece e merecen todos os homes e mulleres que acaban sendo homenaxeados no Día das Letras Galegas”.
 
A axenda cultural do segundo trimestre do ano comezará este domingo, 3 de abril, coa posta en escena da obra Panamericana a cargo de A Panadaría. Será ás 21:00 horas no Auditorio Municipal. 
O día 9 de abril terá lugar a actuación coral de Sólo Voces ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Ese mesmo día ofrecerá unha microactuación a Asociación de Magos Afeccionados da Mariña ás 19:30 horas na Praza de Abastos.
 
O día 16 de abril actuará en Ribadeo El Brujo con El Asno de Oro. A representación comezará ás 20:30 horas e será no Auditorio Municipal. E o 17 de abril o Grupo de Teatro de Ribadeo estreará a obra O Inspector. Será ás 20:00 horas no Teatro.
 
En maio as actividades comezarán o domingo día 1 coa posta en escena a cargo de Lucecús Teatro de A órbita do lucecú, ás 17:30 horas no Auditorio Municipal. O día 7 de maio a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá el Concerto das Letras Galegas ás 20:30 horas no Teatro. O 17 de maio Uxía e Magín Blanco ofrecerán un concerto ás 17:30 horas no Auditorio. Uxía dará outro concerto o día 22 ás 20:00 horas no Auditorio en homenaxe a Manuel María. Xa o 28 de maio actuará Álex Ubago ás 20:30 horas no Auditorio.
 
E o mes de xuño haberá o día 3 un encontro poético Madrid-Galicia ás 20:30 horas no Teatro. E o 17 terá lugar unha das actividades novidosas desta programación o concerto SonRock Ribadeo. E varias serán as exposicións que se poderán ver ao longo dos vindeiros meses na vila, que gozará doutras moitas actividades culturais durante este trimestre.