Este mes de marzo dará comezo en Ribadeo un taller de relaxación e prevención do estrés e prepárase outro de autodefensa para mulleres. Son actividades da Concellaría de Igualdade.

Este mes de marzo dará comezo en Ribadeo un taller de relaxación e prevención do estrés e prepárase outro de autodefensa para mulleres. Son actividades da Concellaría de Igualdade.
 
A Concellaría de Igualdade ten prevista unha axenda de actividades a desenvolver ao longo dos vindeiros meses para o fomento da igualdade entre mulleres e homes e para previr a violencia machista. Este mes dará comezo un taller de relaxación e prevención do estrés e prepárase outro de autodefensa. Ademais as xornadas de violencia de xénero terán lugar en abril. 
 
O programa formativo #laretasdaigualdade da Concellería de Igualdade está desenvolvéndose nos centros educativos con sesións presenciais onde o alumnado de 3º e 4º da ESO traballa a publicidade sexista para deconstruír modelos alternativos. Hoxe comezaron coa sesión práctica na que Xes Chapela, formador no eido audiovisual, lles está a impartir as nocións básicas para que despois o alumnado poida facer un spot de mellor calidade para presentar a un dos concursos resultantes deste programa, como é o concurso de publicidade non sexista. Un total de 25 sesións presenciais con persoal especialista en igualdade recibirá o alumnado desde que comezou o programa ata finais de marzo.
 
Ademais, o alumnado de toda a ESO está a traballar ben de forma libre e/ou apoiado desde as aulas de plástica,   informática   e   das   propias   titorías   o   cartel   para   participar   no   I   concurso   de   carteis. En #laretasdaigualdade convócanse dous concursos, o  I concurso de anuncios non sexistas ou vídeo memes  e o I concurso de carteis contra a violencia de xénero. Neste segundo concurso teñen que idear o cartel das vindeiras xornadas locais de violencia de xénero. Ademais ambos certames levan premios de carácter económico no primeiro caso e materiais no segundo.
 
Entre as actividades previstas para os vindeiros días nos centros educativos, haberá un contacontos o 17 de marzo para o alumnado de infantil do Colexio Público Grgegorio Sanz e do Colexio Sagrado Corazón de Xesús, onde traballarán a igualdade co conto Roi quere ser mamá. O alumnado do CIFP Porta da Auga será o encargado de dinamizar estas sesións. Tamén o CIFP Porta da Auga colaborará activamente no obradoiro das profesións,  que se desenvolverá a principios de abril co alumando da ESO.
 
A Concellaría de Igualdade ten previsto un calendario completo de actividades dirixidas a diferentes sectores da cidadanía. “Para esta Concellaría os 8 de marzo son todos os días, e de aí que os nosos actos ocupen todos os meses de aquí a xuño, e máis nestes tempos de involución nas políticas de igualdade tanto na percepción relaxada que ten a sociedade da igualdade como na escaseza de recursos públicos. Na última convocatoria da Secretaría Xeral de Igualdade aos CIM se eliminou a partida presupostaria para as actividades dirixidas á prevención da igualdade, a liña de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Co cal, o Concello ten que facer un esforzo dobre ao non ter ningunha axuda económica externa”, explican desde a Concellaría de Igualdade ribadense.
 
Neste mes de marzo comezará un taller de relaxación e prevención do estrés, que durará ata xuño. E tamén está prevista a organización dun curso de autodefensa para que as mulleres saiban anticiparse e responder a todo de ataques e agresións sexistas. E haberá algunha actividade lúdica como a proxección do documental Fíos. 
 
Estas son actividades máis novedosas, pero a Concellaría de Igualdade ofertará igualmente outras que xa están consolidadas e que son demandadas, como os Foros Permanentes para as Mulleres cos Domingos a pé, charlas, talleres e as xornadas de violencia de xénero locais que se desenvolverán o 22 e o 23 de abril.