Xa están dispoñibles nos locais asociados a Acisa os vales de desconto para a pista de xeo natural de Ribadeo.

Xa están dispoñibles nos locais asociados a Acisa os vales de desconto para a pista de xeo natural de Ribadeo.
 
Os establecementos asociados a Acisa comezan a repartir desde hoxe os vales de desconto para a pista de xeo natural, que estará instalada no parque de San Francisco do 18 de decembro ao 10 de xaneiro. Todas aquelas persoas que gasten 20 euros ou máis durante estes días en Ribadeo recibirán un vale de desconto e pagarán pola súa entrada 3 euros. Esta mañá presentaron a campaña dos descontos no salón de plenos do Concello a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte. 
A edil nacionalista dixo que “si hai uns días estabamos a falar de que Ribadeo contará cunha pista de xeo, hoxe temos que dicir que practicamente está montada no parque de San Francisco e que desde o comercio e desde a hostalaría se van empezar a dar os vales desconto para poder acceder a esta pista de xeo a través das compras que a xente faga estes días”. 
Martínez explicou que “aquelas persoas que fagan compras por valor de 20 euros ou superior serán as que se beneficien. Con ese vale que lles entregarán no comercio e na hostalería poderán acceder á pista de xeo e así gozar dun 50% de desconto. A xente que faga as súas compras ou que consuma en Ribadeo estes días poderá entrar na pista de xeo por 3 euros. Creo que iso nos permitirá que moita da xente que nos visite e moitos ribadenses poidan patinar, disfrutar e desde logo divertirse en Ribadeo”.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio sinalou que “igual que falamos de que se esperaba moita xente a pasada fin de semana durante o Mercado do Nadal, pensamos que máis que nunca se fai visible ese slogan de Acisa de Ribadeo Móvese. Ribadeo móvese cunha intención clara de apoiar ao comercio, á hostalería e que a nosa vila sexa dinámica, atractiva e que a xente veña a Ribadeo a disfrutar e a pasar con nós estas datas de Nadal”. 
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, quixo “darlle as grazas ao Concello por esta colaboración coa pista de xeo, senón estivesen con nosoutros sería imposible traela a Ribadeo nestas datas”
Iriarte subliñou que “a partir de hoxe todos os establecementos de Acisa (comercio, hostalería e servizos) xa dispoñen dos tíckets ou vales desconto do 50% sobre o prezo da entrada na pista. Con todas as compras superiores a 20 euros todos os establecementos de Acisa daranvos un vale para descontar o 50% no importe da entrada á pista de xeo, quere dicir que a entrada en lugar de custar 6 euros será de 3 euros”. 
O presidente de Acisa considera que “esta iniciativa é moi importante para Ribadeo ao igual que o foi o pasado Mercado do Nadal, onde a hostalería traballou ben, os hoteis estiveron completos, o comercio acompañou coas portas abertas. Foi impresionante a cantidade de xente que tivemos, foi unha fin de semana moi importante para nosoutros”. 
Francisco Iriarte engadiu que “a pista de xeo vai ser máis importante aínda, acompañado das datas que son, cremos que vai ser un éxito total para Ribadeo. Estará aberta todos os días de12 a 14 e de 17 a 22 horas, excepto en noiteboa e fin de ano que pechará ás oito da tarde”.