Teatro, música, exposicións e actividades para o público infantil son algunhas das propostas para axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano.

Teatro, música, exposicións e actividades para o público infantil son algunhas das propostas para axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano.
 
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, presentou este mediodía a axenda cultural para o último trimestre deste ano, que inclúe teatro, concertos, exposicións e actividades para o público infantil. O ciclo Músicas Posíbeis traerá a Ribadeo a Caxade, Dora de Maríns e Pres de Cambral e haberá teatro nas parroquias en Piñeiro, Ove e Santalla, entre outras moitas citas.
 
O edil nacionalista subliñou que “vai ser un trimestre con moita actividade, como caracteriza a Ribadeo, destinada a que as xentes que vivimos a longo de todo o ano aquí poidamos seguir gozando da actividade cultural: teatro, música, exposicións, … Seguirá habendo tamén presentacións de libros, que levarán a cabo diferentes asociacións, que xa por elas mesmas na súa propia dinámica seguirán coa súa actividade”.
 
Graña dixo que “con esta programación pretendemos que tanto a xente que vivimos en Ribadeo poidamos asistir a actos culturais como tamén os que nos visiten, ben de fin de semana ou incluso xente que faga turismo de inverno, vexa que en Ribadeo, aparte de ver boas paisaxes, tamén segue habendo unha importante actividade cultural coa que formarnos e sentirnos cidadáns dun país libre e que non esquece o obxectivo fundamental da formación como persoas”.
 
A programación cultural arrinca este domingo, 4 de outubro, con teatro e coa representación de Cyrano a cargo de Teatro Galileo, a partir das 20:30 horas no auditorio municipal. Haberá teatro nas parroquias, Peter Punk chegará en novembro a Piñeiro, Ove e Santalla e en decembro a Couxela e a Vilaframil. En novembro terá lugar a XII Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón, do 27 ao 29. 
 
A música tamén estará moi presente na axenda cultural de Ribadeo. O ciclo Músicas Posíbeis traerá a Ribadeo o 18 de outubro a Caxade; o 24 de outubro a Dora de Marins; e 15 de novembro a Pres de Cambral. A Coral Polifónica de Ribadeo, a Banda Municipal de Música e a Escola Municipal de Música e Danza ofrecerán varios concertos durante este trimestre, como os de Santa Cilla, o festival de panxoliñas, o festival de Nadal e Aquí como en Viena. 
 
Non faltarán exposicións de pintura e actividades para o público infantil, que gozará de Elefante Elegante o 24 de outubro na biblioteca municipal; da exposición Letras Terroríficas o 29 de outubro e o 6 de novembro tamén na biblioteca. Rosa Caramelo, O Último Dragón ou Os Tres Porquiños son outros dos espectáculos que poderán ver os máis pequenos en Ribadeo, sen esquecerse do obradoiro de cabazas do 30 de outubro, do certame de poesía de Nadal 2015 e da cabalgata de reis do 5 de xaneiro.