O Club Deportivo San Ciprián e o Concello organizan este sábado, 3 de outubro, o I Trofeo Concello de Cervo de Baloncesto.

O Club Deportivo San Ciprián e o Concello organizan este sábado, 3 de outubro, o I Trofeo Concello de Cervo de Baloncesto.
 
A Sección de Baloncesto do Club Deportivo San Ciprián e o Concello organizan o primeiro Trofeo Concello de Cervo, que se celebrará o vindeiro sábado, 3 de outubro, no pavillón polideportivo de A Veiga, en San Ciprián. O evento foi presentado polo concelleiro de Deportes, José Ramón Soto; o delegado da sección de Baloncesto do C.D. San Ciprián, Roberto Santos Gutiérrez; e o presidente do club, César Díaz Criado. 
O torneo supón o regreso a nivel competitivo do baloncesto de adultos a San Ciprián. “Levaba uns anos sen actividade nos adultos, aínda que o Concello dende o ano 2007 segue potenciando a práctica deste deporte, pero en categorías inferiores, ata os 12 anos. En canto ao torneo deste sábado disputarano 4 equipos, que son o Club Deportivo San Ciprián de Baloncesto; o Santo Domingo, de Betanzos; o Celtas de Foz, e o Carferlo Club Baloncesto, de Viveiro. O torneo empezará ás 11:30 horas da mañá. Pola mañá xogaranse as dúas semifinais e a partir das 16:30 horas o partido polo terceiro e cuarto posto e a continuación disputarase a final”, detalla o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto.
“A entrada é totalmente gratuíta e haberá unha degustación bolos preñados e empanada a prezos populares e música en directo, a cargo de DJ Caixa, para darlle un pouco de auxe a este evento, ao que queremos invitar dende o Concello de Cervo a todos os veciños nosos e non só do municipio, senón de toda A Mariña e os que teñan a ben achegarse a ver este evento”, animou o edil. Ademais das actividades xa mencionadas, tamén se fará sorteo de agasallos, concretamente unha cámara fotográfica e unha cea para dúas persoas, e haberá viño de balde.